24 abr 2011

LOIS PEREIRO


Luis Ángel Sánchez Pereiro, máis coñecido como Lois Pereiro, nado en Monforte de Lemos o 16 de febreiro de 1958 e finado na Coruña o 24 de maio de 1996. Foi un escritor e poeta galego.No ano 2011 dedícaselle o Día das Letras Galegas.

 

Traxectoria

Naceu en Monforte de Lemos, de familia procedente doutro concello lucense. Estudou no colexio dos Escolapios, e comezou a escribir con 15 anos. Tras rematar o COU marchou a Madrid, onde comezou Ciencias Políticas e Socioloxía. Logo dunha estancia en Monforte traballando na empresa familiar, adicada ao cristal, regresa a Madrid para estudar lingua inglesa, francesa e alemá. Alí fundou a revista Loia xunto a Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel Pereiro.

Cara a 1981 marcha a vivir á Coruña, onde se une á revista la Naval. Xa de volta en Galicia, entrou en contacto cun grupo de poetas entre os que figuraban Xabier Seoane, Francisco Salinas Portugal ou Xulio Valcárcel, participando en varias antoloxías coma De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), e colaborando no mantemento da revista Luzes de Galicia, onde se publicarían en 1997 os oito primeiros capítulos da novela inconclusa Náufragos do Paraíso.
En 1983 e 1987 viaxou xunto con Fernando Saco por Europa. Traballou como tradutor do alemán francés e inglés de dobraxe de cinema, tanto convencional como  porno.
Publicou dous poemarios en vida, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995). No ano 1996, ano da súa morte a mans dunha grave enfermidade, saíu á luz Poemas para unha Loia, que recolle obras da época madrileña, publicadas na revista Loia, e que inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, publicado no nº 27 de Luzes de Galiza.


Recoñecemento

Nos últimos anos, víñase reivindicando a dedicación doDía das Letras Galegas a este poeta monfortino. No marco desa campaña sitúase unha reedición da súa obra poética verquida ao castelán, catalán e éuscaro, xunto cos textos orixinais en lingua galega.
Finalmente, o 26 de xuño de 2010 a Real Academia Galega publicou a súa decisión de dedicarlle o Día das Letras Galegas do 2011. A Academia apreciou:
evidentes pegadas expresionistas, referencias á literatura xermánica e certos trazos de contracultura [...] unha imaxe e unha estética que fixeron del un autor de culto. Cartografou coma ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo."
En palabras do escritor e membro da RAG Manuel Rivas:
Adicarlle a Lois o Día das Letras 2011 foi unha decisión valente da Academia, porque é un autor de culto, pero en canto se difunda a súa obra será un autor moi popular".


Exemplo da súa lírica

Velaquí un parágrafo dun dos seus poemas, epitafio gravado en pedra na súa tumba en Santa Cristina do Viso ( O Incio):

"Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria". (Lois Pereiro)


Obra

  • Poemas 1981/1991 (1992)
  • Poesía última de amor e enfermidade (1995)
  • Poemas para unha Loia (1996)
  • Náufragos do Paraíso (Novela inconclusa) (1997)


Artigos publicados

  1. "Dez anos da morte de Lois Pereiro", reportaxe en Vieiros en maio de 2006
  2. "O Día das Letras do 2011 irá dedicado ao poeta monfortino Lois Pereiro", nova en El Progreso o 26 de xuño de 2010.
  3.  "O Día das Letras do 2011estará adicado ao poeta Lois Pereiro", nova en Vieiros, 26 de xuño de 2010.
  4. "Todo o que desprezamos na literatura galega poñémolo fronte a Lois Pereiro para que el o ataque"
  5. Lois Pereiro, a encarnación dunha xeración.


Outras publicacións

  • Patiño, A. Lois Pereiro. Radiografía do abismo. Espiral Maior, 2010. ISBN 978-84-92646-43-2
  • Pereiro, X.M et alii. Lois Pereiro Fotobiografía sonora. Ouvirmos. 2010. ISBN 974-84-938276-1-8


Máis información

Na Casa da Cultura de Monforte de Lemos podemos ver unha exposición marabillosa sobre Lois Pereiro




Para saber máis

Lois Pereiro en Galipedia
Biografía de Lois Pereiro
http://www.concellodemonforte.com/


Información extraída de wikipedia



      1 comentario:

      Anónimo dijo...

      Bo día
      Alégrame moitísimo que este ano o Día das Letras Galegas estea dedicado a Lois Pereiro. Paréceme un escritor boísimo, aínda que sexa preciso ler os seus poemas pouco a pouco debido á súa profundidade.
      Saúdos